EU COLABORO NA BIBLIO!!!

 Esta mañá o alumnado colaborador da biblioteca, de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO, recibiron os diplomas que acreditan as horas que lle dedicaron á nosa biblioteca no seu tempo de lecer.

Os colaboradores e as colaboradoras son persoas que, de forma voluntaria, veñen á biblio no recreo para axudar en diferentes tarefas como:

  • Colocar os libros.
  • Poñer os tellos.
  • Facer empréstitos.
  • Organizar actividades.
  • Facer exposicións documentais.
  • Axudar aos usuarios a atopar os fondos bibliográficos.




Moitísimas grazas pola vosa colaboración e agardamos que para o próximo curso queirades seguir formando parte do equipo da biblioteca. Animádevos, que xa sodes expertas e expertos na materia!!!



13/06/25

ACTO DE CLAUSURA DO PROXECTO SCHOOL TO SCHOOL NA BIBLIOTECA ESCOLAR

Remata o curso e damos por finalizado o proxecto School to School, un intercambio cultural e de tradicións entre o CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero) e a Konapalli School (a India). Quixemos reunirnos todos os/as participantes ( alumnado de 5º de EP e 1º da ESO)  na Biblioteca Castelao para facer un visionado de todos os materiais elaborados polo noso centro e pola Konampalli School, que están pendurados nunha plataforma dixital. A través das fotos, vídeos, debuxos e cartas descubrimos que a parte de todas as diferenzas que nos enriquecen a ambas culturas, no fondo subxacen moitas cousas en común. Valorar o noso e respectar o diferente axuda a derrubar muros e hermanar aos pobos. Grazas á Fundación Vicente Ferrer podemos participar todos os anos nesta iniciativa tan interesante. Todos os rapaces e rapazas, e as profesoras que guiaron ao alumnado durante todo o proceso de traballo, recibiron un colorido diploma acreditativo agradecendo a súa participación. 








11/06/25

Radio cun sorriso: por un horario escolar feliz. Á procura do consenso sobre o horario escolar no CPI Virxe da Cela.

O alumnado de 2º da ESO do CPI Virxe da Cela de Monfero levou a cabo unha investigación sobre os motivos polos que se fixou o actual horario escolar e as consecuencias que ten na distribución do seu tempo de estudo e lecer. O resultado foi a elaboración dun programa de radio no que se realizou unha enquisa entre as alumnas e alumnos do centro para coñecer o grao de conformidade co horario no que se desenvolve a xornada escolar e unha entrevista á directora, que resolveu dúbidas e orientou de cara á posibilidade de lograr cambios.

Imaxe representativa da proposta realizada polo alumnado de 2º da ESO.

Esta experiencia radiofónica pretende que o alumnado se familiarice coas formas de participación que regulan a vida dun centro e se implique nos procedementos para obrar transformacións que redunden na mellora da calidade educativa, contribuíndo ao desenvolvemento do obxectivo 4 das ODS: “Garantir unha educación de calidade”. 

Descrición do proceso (e accións principais). Como se desenvolveu.

O proxecto desenvolveuse entre os meses de xaneiro e xuño de 2025 abranguendo un total de cinco sesións impartidas cunha periodicidade mensual por unha profesional da comunicación da agrupación AGARESO. Na primeira sesión o alumnado propuxo varios temas do seu interese e despois de poñelos en común decidiron investigar sobre un asunto que os concernía especialmente, o horario escolar. A partir de aí, elaboraron un plan de traballo e un guión de programa radiofónico que concluiría coa entrevista a María del Camino Pereiro González, directora do CPI da Virxe da Cela, que ofreceu información contrastada e fundamentada sobre o tema.   

(LUCES)

Que situacións actuais no noso arredor nos preocupan?

A experiencia comezaba preguntando ao alumnado sobre situacións actuais que os afectaban ou preocupaban especialmente. Cada participante escribiu nun post-it os asuntos do seu interese e expúxoos diante dos demais para despois proceder a unha votación mediante puntos adhesivos de cores.  A elección foi practicamente unánime, pois sentían que o feito de entrar máis tarde que noutros centros condicionaba o seu día a día. Decidida a temática, o alumnado abordou o asunto a partir das seguintes preguntas: por que entramos tan tarde?, quen decidiu o horario?,  estamos conformes?, como afecta as nosas vidas?, é posible entrar máis cedo e que non se alongue a xornada pola tarde? Tras o debate en grupo, o alumnado decidiu facer unha entrevista á directora do centro para informarse máis sobre o tema e unha enquisa entre o alumnado para saber se estaban de acordo co horario actual e se coñecían as causas de entrar máis tarde do normal.

(CÁMARA)

Por que entramos máis tarde que noutros centros? Estamos de acordo co actual horario?

No proceso de análise chegouse á conclusión de que entrar ás 9.45 condicionaba a xornada de alumnado e familias. O feito de entrar a esa hora retrasa a saída ata as 16.45 e ademais fai que se acurte o tempo para comer ao mediodía, obrigando en moitos casos a usar o comedor escolar. Para coñecer a opinión do alumnado do centro fíxose unha enquisa entre compañeiros e compañeiras de 1º, 3º e 4º da ESO e 6º de EP. Nela preguntábase cal crían que eran as razóns polas que entraban máis tarde que noutros centros e se  estaban de acordo co horario. A enquisa puxo de manifesto a desconformidade da maior parte do alumnado, que prefería saír antes pola tarde para dedicarllo a tarefas escolares e extraescolares ou dispor de máis tempo de lecer. Entre as causas, o alumnado destacou o horario dos autobuses, que se ocupan antes do transporte doutros centros. A enquisa foi gravada e emitida no programa de radio.

Imaxe realizada polo alumndo para representar a súa proposta de acción a partir desta investigación.
(ACCIÓN)

Pedimos unha entrevista coa directora do CPI Virxe da Cela

Despois de coñecer as preferencias do alumnado sobre o horario escolar, o grupo decidiu dirixirse á dirección do centro coa intención de afondar sobre os motivos que xustificaban o horario e saber se é posible cambialo.

Concertouse unha entrevista coa directora do CPI Virxe da Cela, Camino Pereiro González, que resolveu moitas das dúbidas, ofreceu o seu punto de vista, solidarizándose coas inquietudes do estudantado, invitou á reflexión e orientou para actuar no caso de que estivesen dispostos a intentar cambialo. 

Radio cun sorriso. Buscamos solucións ao despoboamento rural

O alumnado de 3º da ESO do CPI Virxe da Cela de Monfero levou a cabo unha investigación sobre os motivos polos que se produce o despoboamento do mundo rural, moi visible no seu entorno. O resultado foi a elaboración dun programa de radio no que se propiciou a reflexión sobre este tema e no que se realizou unha entrevista a unha persoa que podía dar testemuño da vida no rural e dos cambios que se produciron na localidade de Monfero desde os tempos da súa infancia.   

Con esta experiencia preténdese que o alumnado reflexione sobre as formas de habitar o territorio, valore as posibilidades do rural, identifique as causas do despoboamento neste medio e procure solucións que contribúan a desenvolver o obxectivo 11 das ODS: facer que as cidades e os asentamentos humanos sexan inclusivos, seguros e sostibles. https://www.un.org/sustainabledevelopment/cities/

O proxecto desenvolveuse entre os meses de xaneiro e xuño de 2025 en varias sesións impartidas por Rocio experta no medio radiofónico de Agareso. Para empezar preguntouse ao alumnado polos temas que lles preocupaban e despois dunha posta en común e un debate decidiron investigar sobre o despoboamento que afecta ao entorno rural no que viven. A experiencia concretouse nun programa de radio no que se analizaron as causas do despoboamento, as vantaxes e inconvenientes de vivir no campo ou a posibilidade de facelo no futuro. Tamén realizaron unha entrevista a unha persoa natural da zona que deu conta da experiencia de vivir no medio rural e dos cambios que percibiu no seu entorno desde que el era neno.  

(LUCES)

Que situacións actuais no noso arredor nos preocupan?

A experiencia comezaba preguntando sobre situacións actuais que afectaban ou preocupaban ao alumnado. O punto de partida foi unha chuvia de ideas; expuxéronse varios temas, debateuse e elixiron investigar sobre o despoboamento do rural. Despois traballaron en pequeno grupo arredor das causas e consecuencias do despoboamento nas zonas rurais de Galicia e compartiron os resultados para abordar a problemática con maior amplitude desde o propio coñecemento que tiñan da realidade: avaliaron as vantaxes e inconvenientes de vivir no rural, expuxeron as súas expectativas de cara a poder desenvolver a súa vida futura nel e buscaron solucións aos déficits que presenta a actual situación das nosas aldeas. Polo xeral, o alumnado amosou apego ao campo, valora vivir neste entorno e de ser posible afincaríase nel aínda recoñecendo as dificultades que implica, por exemplo de cara a realizar estudos superiores ou atopar un posto de traballo.  

(CÁMARA)

Quen pode responder as nosas preguntas sobre a vida no rural?

Para completar a visión  sobre a problemática do despoboamento no mundo rural e achegar solucións, o alumnado de terceiro curso da ESO do CPI de Virxe da Cela decidiu entrevistar unha persoa coñecida na comunidade que puidese responder as súas preguntas e resolver algunhas dúbidas. O elixido foi Amando, técnico de deportes do Concello, que ademais de explicar as razóns persoais que o levaron a escoller o rural para vivir e analizar a problemática, deixounos o testemuño dos cambios que se produciron desde que el era estudante. Ao tratarse dunha persoa relativamente nova e cun traballo que non resulta un impedimento para residir na zona, o seu caso pode tomarse como un exemplo para a xente que desexa desenvolver a súa vida no medio rural, sexa no lugar onde naceu ou noutro.  

Imaxe representativa do pensamento crítico do alumnado de 3º da ESO.

(ACCIÓN)

Compartindo a experiencia da Rede Compás

Aproveitando que parte do alumnado participara, dentro do marco do proxecto europeo de “Rede Compás”, nun encontro entre centros no que se tratara a mesma temática, trasladouse ao programa de radio a experiencia e as conclusións ás que se chegara alí. Moitas eran as mesmas que apareceran no proceso de análise realizado nas sesións de traballo: deficiencias no transporte público, dificultades da mocidade para realizar os estudos desexados en centros próximos, limitada oferta de traballo, carencias nos servizos, pouca vida social ou deterioro da vivenda. Seguindo o espírito da Rede Compás, plan impulsado desde a UE que procura fomentar o activismo entre a xuventude propondo modelos de futuro sostibles, propuxéronse solucións como impulsar mellorar as condicións de vida da poboación do campo, promover o asociacionismo ou demandar axuda das entidades públicas, igual que se fixera no manifesto elaborado no encontro entre centros no que participou o CPI de Monfero.  

RADIO CUN SORRISO: SUICIDIO XUVENIL E SAÚDE MENTAL

 “Radio cun sorriso” é unha iniciativa do CPI Virxe da Cela para traballar na consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) e o benestar empregando a radio como unha ferramenta de aprendizaxe e cambio social en colaboración con Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social)

O alumnado da ESO desenvolveu as súas competencias comunicativas a través do diálogo e da reflexión sobre os temas que máis lles preocupan,  sempre dende unha perspectiva positiva e tentando achegar solucións. Cómpre dicir que as temáticas enfocáronse cara ao tratamento dos ODS partindo da análise e posta en valor da realidade contextual do alumnado e contando con referentes significativos da súa realidade para enfocala despois cara a unha visión máis global. Neste caso camiñamos cara a valoración e a consecución do Obxectivo 3: Garantir unha vida sa e promover o benestar para todos en todas as idades.

A través da micro-experiencia “Radio cun sorriso: Suicidio xuvenil e saúde mental”, 10 alumnas e alumnos de  ESO reflexionaron, investigaron e tiraron conclusións sobre a importancia da saúde mental e das consecuencias que pode chegar a ter unha persoa que presente problemáticas relacionadas con esta. Para darlle visibilidade ás súas inquedanzas empregaron a radio como soporte e elaboraron un programa radiofónico que inclúe a presentación do tema, datos estatísticos a nivel autonómico e estatal, unha entrevista con recomendacións dunha profesional e as reflexións do grupo sobre o tema.

As micro-experiencias desenvólvense en tres etapas:

LUCES

As alumnas e os alumnos escolleron democraticamente a temática de interese coa técnica da diana, isto é, escribiron diferentes preocupacións nuns papeliños que logo foron pegando nunha diana desde o centro ata fóra segundo o seu nivel de importancia. Desta dinámica saíron dous temas principais: o racismo e a pedofilia.  A través da metodoloxía da árbore de problemas, identificaron as causas e as consecuencias dos problemas principais e, por último, escolleron  a temática do suicidio xuvenil entre outras temáticas como a perda de falantes en lingua galega, a inmigración ou o racismo. Observaron como remataron por escoller para a súa investigación unha das consecuencias dunha das problemáticas iniciais e non a propia problemática. Con todo isto elaboraron a introdución do programa de radio.

CÁMARA

Ao introducírense na temática do suicidio xuvenil precisaban aclarar varias cuestións que lles xeraban curiosidade e das que non tiñan coñecementos, como por exemplo: cantas casos hai de suicidios na nosa comunidade, cales son as causas que poden levar a unha persoa a tomar esa decisión, se hai un soporte sanitario eficaz para atender as persoas que precisan axuda, como se pode axudar a evitar este problema, etc. Para isto decidiron investigar fontes informáticas como:

https://www.sanidad.gob.es/gabinete/notasPrensa.do?id=6418 https://www.savethechildren.es/actualidad/suicidios-adolescentes-espana-factores-riesgo-datos ,  https://www.aldeasinfantiles.es/area-prensa/aldeas-infantiles-sos-urge-a-la-sociedad-en-su-conjunto-a-prevenir-el-suicidio-adolescente-y-juvenil

https://www.sergas.es/Asistencia-sanitaria/Plan-de-prevenci%C3%B3n-do-suicidio-en-Galicia?idioma=es

https://www.stopsuicidiogalicia.org/o-suicidio/

Ademais,  acordaron entrevistar á Orientadora do centro para buscar respostas á súa preocupación. 

ACCIÓN

Recollida toda a información, para gravaren un programa radiofónico que reflectise a importancia da saúde mental na nosa sociedade, as alumnas e alumnos elaboraron un guión que lles facilitou o desenvolvemento do seu traballo. Concretaron unha entrevista con Lara Real, a Orientadora do centro e Psicóloga, e coñeceron de primeira man moitos aspectos sobre a realidade do suicidio xuvenil.


RESULTADO DA EXPERIENCIA

O alumnado de  da ESO descubriu que a saúde e o benestar son dereitos que a sociedade debe ter garantidos. Ás veces, a sanidade non é quen de atender todos os casos e cando chega a atención xa é tarde para as persoas que sofren algunha doenza. As rapazas e rapaces do grupo concienciáronse da importancia da saúde e, máis concretamente, da saúde mental xa que, malia non o consideraren, este é un problema que lle afecta tamén á mocidade e podería incluso afectarlles directamente. Asemade, desenvolveron empatía cara ás persoas afectadas e quixeron salientar a importancia do suicidio xuvenil e crear conciencia na comunidade educativa sobre a importancia da boa saúde, dos estilos de vida saudables e do dereito das persoas a uns servizos de atención médica de calidade, especialmente cara aos máis vulnerables, coma as mulleres e os nenos.

Con metodoloxías activas e participativas que buscan a participación social e o cambio, estas rapazas e rapaces investigaron para logo faceren unha análise crítica das súas pesquisas e ofrecer alternativas para o dito cambio empezando polo propio autocoidado.

Ademais, a radio serviulles de ferramenta indispensable para a difusión desta actividade e para levar as súas ansias, investigacións e conclusións máis aló da sala de gravación e, deste xeito, chegar a toda a comunidade educativa e a todo aquelas persoas que teñan a ben escoitar a rapazada activa e crítica.

Pódese escoitar o programa radiofónico no seguinte enlace:  ……………………………………….....

10/06/25

RADIO CUN SORRISO: ESTA É A NOSA HORA

“Radio cun sorriso” é unha iniciativa do CPI Virxe da Cela para traballar na consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) e o benestar empregando a radio como unha ferramenta de aprendizaxe e cambio social en colaboración con Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social)

O alumnado da ESO desenvolveu as súas competencias comunicativas a través do diálogo e da reflexión sobre os temas que máis lles preocupan,  sempre dende unha perspectiva positiva e tentando achegar solucións. Cómpre dicir que as temáticas enfocáronse cara ao tratamento dos ODS partindo da análise e posta en valor da realidade contextual do alumnado e contando con referentes significativos da súa realidade para enfocala despois cara a unha visión máis global. Neste caso camiñamos cara a valoración e a consecución do Obxectivo 4: Garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todos.

 A través da micro-experiencia “Radio cun sorriso: Esta é a nosa hora”, 18 alumnas e alumnos de 1º ESO reflexionaron, investigaron e tiraron conclusións sobre a importancia do seu horario escolar e a repercusión nas súas propias vidas a todos os niveis. Para darlle visibilidade ás súas inquedanzas empregaron a radio como soporte e elaboraron un programa radiofónico que inclúe a presentación do tema, o punto de vista da maioría dos axentes implicados, as conclusións e as posibles solucións ás súas preocupacións.

As micro-experiencias do Globo desenvólvense en 3 fases:

LUCES

As alumnas e os alumnos escolleron democraticamente a temática de interese coa técnica da diana e, a través da metodoloxía da árbore de problemas, identificaron a problemática do horario escolar no centro, analizaron as causas e tamén as súas consecuencias. Con todo isto elaboraron a introdución do programa de radio.


CÁMARA

Ao introducírense na temática do horario escolar decidiron investigar varias cuestións que lles xeraban curiosidade e das que non tiñan coñecementos, como por exemplo: quen decide os horarios dos centros escolares, a posibilidade de modificar esa cuestión desde o centro ou mesmo a historia do seu horario. Para isto decidiron recorrer a fontes de información do propio centro e pensaron que entrevistar ao Secretario sería unha boa opción para obter respostas. Mais a opinión dunha persoa non era suficiente para facer un estudo completo da situación e tomaron a decisión de elaborar enquisas sobre o tema para o resto do alumnado do centro e tamén para as familias.


ACCIÓN

Elaboradas as enquisas só quedaba repartilas polas aulas e recollelas unha vez finalizadas. Para iso, as alumnas e os alumnos organizáronse en pequenos grupos e encargáronse da tarefa. Por outro lado, tamén había que recompilar información da parte das familias e o grupo decidiu que todas e todos participarían nese labor a nivel individual, ben con gravacións de voz, ben con recollida escrita de testemuños.

Unha vez recollidos os datos, organizáronos en gráficas e analizáronos para chegar a unha conclusión sobre a visión xeral desta cuestión tan importante para o grupo. As súas preocupacións xa non eran só súas, pois identificaron que tamén lle preocupaban á maioría do alumnado do centro e a moitas das familias entrevistadas, por diferentes motivos.



RESULTADO DA EXPERIENCIA

O alumnado de 1º da ESO que participou nesta experiencia partiu da súa propia visión e opinión sobre o horario escolar e concluíu o seu labor cunha perspectiva que ía máis aló do propio grupo, pois fixeron visible unha inquedanza que está presente na comunidade educativa desde hai anos e reabriron o debate dun posible  cambio da xornada escolar.  Con metodoloxías activas e participativas que buscan a participación social e o cambio, estas rapazas e rapaces investigaron para logo faceren unha análise crítica das súas pesquisas e ofrecer alternativas para o dito cambio.

Ademais, a radio serviulles de ferramenta indispensable para a difusión desta actividade e para levar as súas ansias, investigacións e conclusións máis aló da sala de gravación e, deste xeito, chegar a toda a comunidade educativa e a todo aquelas persoas que teñan a ben escoitar a rapazada activa e crítica.

Pódese escoitar o programa radiofónico premendo neste enlace. 


09/06/25

Encontro O GLOBO: Radio cun sorriso: Cidadáns do mundo!!! Ningunha guerra é allea!!!

                                                Imaxe representativa do Observatorio para educat na cidadanía Global.
O alumnado do 6º curso participa no encontro do Globo a partir do seu traballo no programa de Radio escolar do centro.

Esta experiencia radiofónica pretende que o alumnado entenda as causas e as consecuencias dos conflitos bélicos inciden en todas as sociedades. Concretamente o desenvolvemento do obxectivo 16 dentro dos ODS: “Promover sociedades xustas, pacíficas e inclusivas”.

O evento  do Globo converteuse nun referente para persoas e organizacións comprometidas coa transformación social, que atopan aquí un espazo para compartir, aprender e inspirarse mutuamente.

Como cada ano, este encontro será o punto de unión para persoas diversas pero cunha mesma inquietude: traballar pola xustiza social. Un espazo para coñecer referentes e, á súa vez, converterse en referentes para outras persoas.

O encontro xira ao redor dunha Feira de Microexperiencias de Transformación Social, onde entidades e colectivos amosarán os seus proxectos e iniciativas. Entre elas o alumnado de 6º curso do noso centro. Pero tamén haberá lugar para a arte, o humor e a radio, disciplinas que nos permitirán reflexionar de forma conxunta sobre como colaborar para construír un mundo máis xusto. 

Toda unha experiencia de convivencia na que compartir iniciativas e aprendizaxes!!!


06/06/25

Radio cun sorriso: A fin do mundo? Coñecer para comprender

Proceso de investigación sobre as accións do ser humano coas que estamos provocando un cambio climático e que fai que perdamos a atmosfera pero tamén a perda da forma en que nos relacionamos coa vida. Esta realizado polo alumnado do 3º curso da Ed. Primaria do CPI VIRXE DA CELA que como produto final elaborou un programa de radio no que entrevistaron a unha persoa experta que destaca polo seu traballo e compromiso social desde a divulgación da astronomía e das problemáticas medioambientais que as actividades humanas producen.
Nel queremos dar valor á consecución dos ODS, concretamente cara o desenvolvemento do obxectivo 13 dentro dos ODS: Obxectivo 13: Adoptar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos.

                                                   Imaxe autoeditada do proceso de toma de decisións.

A fin do mundo? Coñecer para comprender

Esta experiencia radiofónica pretende que o alumnado entenda que as actividades humanas e valore e aprecie o papel da investigación científica para coñecer e paliar as consecuencias das nosas accións. Concretamente o desenvolvemento do obxectivo 13dentro dos ODS: Adoptar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos (https://www.un.org/sustainabledevelopment/es/climate-change-2/)

Na primeira parte das actividades compartimos diferentes temas de interese para decidir sobre que temática iamos investigar. O alumnado do 3º curso da Ed. Primaria do CPI Virxe da Cela decidiu investigar sobre o fin do mundo. Dentro desta investigación propuxeron unha persoa coñecedora desta temática para entrevistala. Neste caso entrevistaron a Carmen Dénevola, profesora do departamento de Pedagoxía e Didáctica na Facultade de Ciencias da Educación da universidade de Santiago de Compostela. Pero tamén conta cunha paixón: a astronomía. Así, forma parte da Agrupación AstronómicaCoruñesa IO. Esta asociación desde o ano 2002 fomenta a aflición, o estudo, a investigación e a divulgación da astronomía e realizan actuacións para divulgar e evitar a contaminación luminosa.

(LUCES)

Que situacións actuais no noso arredor nos preocupan?

Esta pregunta foi o primeiro achegamento á experiencia radiofónica deste curso. O alumnado respondeu persoalmente mediante unha chuvia de ideas marcadas con etiquetas nunha cartolina. Unha vez lidas todas cada quen defendeu a súa achega. Á elección deste tema axudaron as inquedanzas e os intereses do alumnado.
Manifestaron o seu interese por como será o futuro e como imos evolucionar. Aquí entrou o coñecemento do espazo e da importancia da investigación. Decidida temática a tratar informámonos sobre as preocupacións que temos: Porque teño medo as cucarachas que sobrevivan? Porque poden caer os edificios e morrer moita xente? Porque morreremos? Porque non poderíamos estar na Terra? Porque a Terra é o único planeta con aire?
Investigando, consultaron a varios científicos e descubriron que dentro de millóns de anos, o Sol perderá a enerxía e a Terra correrá perigo e chegaron a conclusión que é necesaria a investigación científica pero tamén unha adecuada divulgación científica.


                                            Imaxe autoeditada con momentos da entrevista a Carmen Dénebola.

Que aprendemos e que podemos facer?

Con esta proposta aprendemos que ademais de preocuparnos por situacións que non podemos comprobar podemos facer pequenas cousas no noso día a día e construír o noso futuro tendo en conta que é moi importante contar con persoas científicas que investiguen, que nos acheguen a realidade e que nos axuden a identificas cales son as claves para progresar de forma sostible.
Aprender e formarse é fundamental para que entre todas as persoas poidamos construír un mundo mellor.
O resultado deste traballo o tempos neste potcast: https://go.ivoox.com/sq/2673475
ç



Grado de implicación da comunidade educativa e impacto da experiencia no alumnado

Estamos ante unha experiencia educativa cunha gran relevancia que ten como maior logro que parte dos intereses do alumnado e que na mesma tiveron unha participación activa no seu desenvolvemento (aprendizaxe cooperativa, competencial, experiencial) xerando capacidade crítica e responsabilidade ante as problemáticas sociais. Ademais, contaron coa colaboración de entidades como Agareso (Rocio) que lles acompañou no proceso de creación radiofónica para que o proceso fose unha nova aprendizaxe e con Carmen Démola que conectou a perfección coa rapazada facendo unha labor de divulgación clara, sinxela e rigorosa. Isto, favoreceu o pensamento critico, a responsabilidade e ás competencias para un adecuado tratamento da información do alumnado.



Novo estante de pequenas para poesía e teatro

 Co fin de potenciar a lectura de diferentes textos e xéneros literarios máis aló da novela e o álbum ilustrado, reconvertimos o caixón de "senlleiros" no lugar da poesía e o teatro. Agora ten un espazo máis céntrico, máis acesible e máis á vista que permite poñelos no lugar que se merecen porque xa o di Montse Pena Presas: "dar de ler, coma quen da de comer" (variado!). 






EXPOSICIÓN PROXECTO SCHOOL TO SCHOOL, COA FUNDACIÓN VICENTE FERRER

Podedes visitar diante da biblioteca escolar unha interesante exposición cos traballos realizados polo alumnado de 5º EP e 1º ESO dentro do proxecto School to School, da Fundación Vicente Ferrer. Esta iniciativa, que levamos realizando desde fai máis dunha década na nosa escola, trátase dun intercambio cultural e de tradicións entre o noso centro e o Konampalli School (a India). Todos os materiais elaborados polo noso colexio, ademais de estar agora expostos a toda a comunidade educativa, foron subidos en formato dixital a unha plataforma do proxecto. A vindeira semana o alumnado participante realizará un visionado dos materiais dixitalizados enviados pola escola da India, e así poderemos aprender moitas cousas novas e comprobar que das diferenzas nace a riqueza, e que é moi importante valorar e manter vivo tanto o noso patrimonio material como inmaterial. 






05/06/25

Radio na Biblio: Cidadáns do mundo!!! Ningunha guerra é allea!!!

Esta experiencia radiofónica pretende que o alumnado entenda as causas e as consecuencias dos conflitos bélicos inciden en todas as sociedades. Concretamente o desenvolvemento do obxectivo 16 dentro dos ODS: “Promover sociedades xustas, pacíficas e inclusivas”. (https://www.un.org/sustainabledevelopment/es/peace-justice/)

Na primeira sesión compartimos diferentes temas de interese para decidir a que temática que iamos tratar no programa de radio. O alumnado do 6º curso da Ed. Primaria do CPI Virxe da Cela decidiu investigar sobre os conflitos bélicos. Dentro desta investigación propuxeron unha persoa coñecedora desta temática para entrevistala. Neste caso entrevistaron a  Omenuke Mfulu, xogador do Deportivo, quen desenvolve un proxecto deportivo no Congo para rapazada en situacións de risco polos conflitos bélicos desta área xeográfica.

Posteriormente a esta entrevista propuxeron unha acción e en colaboración co centro educativo conseguiron unha achega económica en apoio á escola de novos talentos do fútbol en Kinshasa.

(LUCES)

Que situacións actuais no noso arredor nos preocupan?

Esta pregunta foi o primeiro achegamento á experiencia radiofónica deste curso. O alumnado respondeu persoalmente mediante unha chuvia de ideas marcadas  con etiquetas nunha cartolina. Unha vez lidas todas cada quen defendeu a súa achega. Á elección deste tema axudou a publicación na prensa da necesidade de contar cun kit de supervivencia recomendado por parte das autoridades da UE e que impresionou fondamente aos rapaces e rapazas, os cales vivírono como unha especie de ameaza de guerra próxima que nos afectara directamente.

Decidida temática a tratar informámonos sobre cales son as principais causas de conflitos bélicos ao longo da historia, cales son as guerras actuais, incluso as que están tan enquistadas que non aparecen nos noticiarios, e as súas consecuencias na poboación civil. Para iso tomamos datos de internet en diferentes páxinas:

https://www.semfyc.es/actualidad/a-fecha-de-hoy-existen-56-guerras-activas

https://www.sabuco.com/historia/causasguerras.pdf

                                                          Imaxe de procesos de selección do tema de investigación.

(CÁMARA)

Hai xustificacións para os conflitos armados?

Día a día aparecen nos medios de comunicación a situación bélica entre Rusia e Ucrania, así como a desenvolvida en Gaza. O alumnado tentou achegarse aos motivos que as provocaron.

Entre a clase chegamos á conclusión de que os conflitos bélicos se producen por  diferentes causas: invasión do territorio na loita polos recursos da terra, por diferencias étnicas, por ideoloxías contrapostas...

En xeral houbo unanimidade en que as diferentes sociedades civís son as que sofren as consecuencias destes conflitos con pobreza, fame, desprazamentos non desexados... e non atoparon  xustificación para que a poboación civil i en especial a infancia vexa conculcado o seu dereito a vivir en paz.

Tamén xurdiu unha discusión sobre se os artistas deben ou non manifestarse en contra das guerras dando a entender algúns que iso era meterse en “política”. A conclusión final foi que ao marxe das distintas ideoloxías, manifestarse contra as guerras e a favor dos pobos que as sofren non só é desexable senón que tamén é ético.

(ACCIÓN)

Buscamos a Mfulu que nos achegue o seu proxecto

Sensibilizado o alumnado co tema, contactamos con Mfulu, xogador do Deportivo da Coruña para que nos falara da situación da guerra do Congo e de como inflúe na vida cotiá da cidadanía congoleña.

O alumnado de sexto visitouno na Cidade Deportiva de Abegondo para facerlle unha entrevista na que nos falou da situación dun conflito vixente aínda hoxe.

Fomos coñecedores de que, aínda que el non viviu nese país, senón que pasou a súa infancia en Francia, está sensibilizado coa situación do país das súas orixes e creou unha escola de fútbol en Kinshasa. Unha maneira de facer do deporte unha ferramenta de desenvolvemento persoal e de fomento de paz.

A partir desta entrevista 50 nenos e nenas acudiron o pasado 1 de xuño ao partido do Depor a gozar dun “enfrontamento”  pacífico entre dous clubes decidindo apoiar a escola de Mfulu cunha aportación económica equivalente ao que custou o desprazamento dende Monfero á Coruña nun xesto de abrazar aos “nenos e nenas da guerra”.

Imaxe autoeditada da entrevista a

Mfulu nas instalacións do Deportivo da Coruña.

O resultado deste traballo o tempos neste potcast: https://go.ivoox.com/sq/2668036

Grazas a Agareso e en especial a Rocio por acompañarnos e ensinarnos neste apaixonante aprendizaxe!!!

Imaxe de grupo ao final da entrevista. 

 


04/06/25

ALUMNADO DE 1º DA ESO ELABORA UNHA REVISTA ESCOLAR PARA A MOCIDADE

Atención rapazada!! Está a pundo de saír do forno un novo número da revista Teen Side (este sería xa o nº 3 da revista, xa que o curso pasado editouseo o nº 1 e 2) , elaborada polo alumnado de 1º da ESO con colaboracións doutros mozos e mozas do CPI Virxe da Cela. Aínda quedan os retoques finais, esperamos que antes de que finalice o curso podamos marchar con esta revista debaixo do brazo para gozar da súa lectura nas vacacións de verán. Esta revista está escrita en lingua galega e para a súa impresión contaremos co apoio do Equipo de Dinamización Lingüística e coa Biblioteca Castelao. 

A elaboración desta revista escolar foi a idea elixida polo alumnado de 1º de ESO que cursa a materia de Proxecto Competencial como fío conductor. Tendo en conta que esta materia soamente ten 1 hora de clase semanal e que moitas das sesións coincidiron con festivos, saídas e outros proxectos, foi grande o esforzo para sacala adiante, mais esperamos que estes días que quedan antes do remate da clase servan para dar os retoques finais e lanzala ao público, tanto en formato papel como en dixital. Os contidos foron elixidos polo propio alumnado participante, tendo en conta os seus gustos e motivacións. 

Asimesmo, a creación desta revista escolar pode ser un excelente vehículo para mellorar as habilidades e competencias do alumnado: a práctica da escritura por parte do alumnado que participa na redación, e mellora da comprensión lectora e da motivación cara a lectura por parte do público adolescente, interesado nos textos dos seus compañeiros/as. 




24/05/25

Caseta de bibliopatio

Imaxe autoeditada.
Este curso, sumando o traballo dentro do Polo Creativo e da Biblioteca Creativa, preparamos unha caseta literaria e científica da que está a punto de gozar o alumnado no patio. 

Toca observar, ler, debuxar, aprender e espertar a curiosidade da rapazada a partir da nosa privilexiada contorna natural.

Para que a xestión sexa eficiente  catro colaboradores de 4º de EP responsabilizaranse da súa xestión durante o lecer. 

Foi un traballo compartido entre diferentes niveis da etapa da Ed. Primaria cuxo comezo é o deseño do patio que o alumnado quere para o lecer (Consello Escolar da Infancia).

Entre as propostas está esta caseta. Observade con detemento e veredes cantas posibilidades de xogo, experimentación e aprendizaxe na natureza ofrece.



                                                  Imaxe autoeditada da caseta e de varios dos seus recursos.












Deseñamos chalecos identificativos para o alumnado voluntario da Biblioteca

Sumando Polo Creativo, Biblio Creativa e a área de proxecto competencial o alumnado do 5º curso da Ed. Primaria realizou todo o proceso de confección destes fermosos chalecos: fixeron os patróns, cortaron, coseron, deseñaron e pintaron...  

Foi unha labor de deseño e creación digna de persoas expertas na costura para elaborar os novos chalecos que lucirán o alumnado colaborador da biblio. 


Imaxes autoeditadas do proceso creativo.

Pero nesta tarefa tiveron unha gran axuda: unha das nosas nais que se achegou á clase no proceso de elaboración: moitísimas grazas Gloria!!!

Tamén, para cortar contamos coa presencia de alumnado da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo (USC). 

O traballo se é compartido é moito máis sinxelo!!! 








          Imaxes das creacións e do carrito elaborado para as mesmas.

Vídeo resumo do obradoiro en familia sobre ciencia e lectura.

 Aquí tedes o vídeo - resumo do que aconteceu o mércores 21 pola tarde no obradoiro de ciencia e lectura: as caras dino todo! Moitas grazas a Arenaria por prepararnos unha tarde tan entretida e, moitas grazas tamén ás familias que vos achegástedes cos vosos nenos e nenas. Que ben o pasamos!

Última sesión do club de lectura de EP: Mundo de Letras.

Nesta última sesión puxemos en común o que nos gustou e podiamos mellorar do club, outros títulos que teñamos en mente para ler o curso que ven e repartimos os chaveiros feitos na gravadora láser. Ata o ano letores/as! 






22/05/25

 



Asistimos ás XVII Xornadas de Clubs de Lectura  (mércores 21 de maio 2025, Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela), unha reunión anual do profesorado que coordina os clubs de lectura dos centros que participan no programa de CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Entregouse así mesmo, o Premio dos Clubs de Lectura 2025, que desta vez recaeu na escritora Paula Carballeira por ser a autora galega máis lida nos clubs de lectura no curso 2023/2024. A xornada comezou cunha conversa coa autora premiada e dúas profesoras integrantes dun club de lectura, e de seguido coa intervención do mediador, investigador, escritor e especialista en LIX Freddy Gonçalves; a profesora, investigadora e formadora Gualdalupe Jover; disfrutamos tras o xantar dunha conversa arredor das redes que tecemos con librarías e bibliotecas públicas e de  sesións simultáneas coa experiencia de dez centros integrados no programa. O peche da xornada deu voz ao alumnado que forma parte dos clubs de lectura nunha conversa moderada por Freddy Gonçalves.

13/05/25

Letras Galegas 2025

 O alumnado e profesorado está a celebrar esta semana o Día das Letras Galegas cunha programación especial dedicada ás Pandereteiras de Mens, protagonistas desta edición 2025.

Este grupo de mulleres, naturais da parroquia de Mens, no concello de Malpica, foi recoñecido pola súa importante contribución á preservación e difusión da tradición oral galega, especialmente a través dos cantos populares e do uso da pandeireta. Co seu exemplo, as Pandereteiras de Mens lembran a importancia da cultura popular e da transmisión xeracional das músicas e cantigas que forman parte do patrimonio galego.

Durante toda a semana, o equipo docente, xunto co responsable da biblioteca escolar, organizou distintas actividades para o alumnado.

O Día das Letras Galegas é unha oportunidade única para poñer en valor a nosa lingua e a nosa identidade como galegos e galegas. Celebrar a tradición oral e a música das nosas devanceiras é tamén unha forma de dicir que o galego está vivo e ten futuro.

Dende o centro animamos tamén ás familias a participar nesta celebración na casa, recuperando cancións tradicionais, falando en galego e compartindo historias e lembranzas da súa infancia.