28/10/24

ESCORNABOTS LISTOS PARA SER USADOS

Grazas ao alumnado de Educación Dixital da ESO e á súa profe que traballaron a reo para arranxar os escornabots e poñelos a punto,  o alumnado de EI e EP xa pode usalos e así comezar a súa andadura no pensamento computacional. 



COMEZAN OS ACOMPAÑAMENTOS.

Un día á semana, na hora de ler de EP e EI, os nenos e nenas acudirán á biblioteca a ler en parellas. Os luns tócalles a quenda ao alumnado de 3º de EP e 4º de EI (os máis pequenos do cole). Aquí vos deixamos unhas imaxes destes momentos tan especiais de compartir lecturas. 








COMEZAN OS VOLUNTARIOS E VOLUNTARIAS!


O alumnado de 5º e 6º de EP anotouse para ser voluntario e voluntaria da biblioteca, son un total de 23 nenos e nenas que acudirán en parellas no lecer para axudar a facer empréstitos, colocar libros, pegar pegatinas das letras e outros moitos traballos que temos por facer na biblioteca. Aquí están as nosas axudantes de hoxe. Grazas a todas pola vosa labor!





LECTURA DO XORNAL CON PRENSA-ESCUELA DE LA VOZ DE GALICIA

Todos os mércores o alumnado da ESO recibe un exemplar do periódico La Voz de Galicia, grazas ao programa Prensa Escola ao que varios docentes estamos inscritos/as. A prensa é utilizada en materias como Lingua Castelá, Educación Dixital, Música e Proxecto Competencial. Ademais da súa utilización na aula, é frecuente que o alumnado visite a biblioteca escolar para utilizar o xornal como ferramenta educativa, a través do cal poder desenvolver habilidades de lectura, análise crítica, e conciencia social. Son múltiples e variadas as actividades que se realizan coa prensa, entre elas, as que máis realizamos son: 

-Análise de noticias: analizamos diferentes noticias sobre un mesmo tema para poder identificar as diferentes perspectivas e avaliar a obxectividade das fontes. 

-Conexión co mundo real: a través da lectura do xornal o alumnado pode comprender mellor como os eventos actuais impactan nas súas vidas e na súa comunidade, e afondar en noticias relativas ás materias nas que se utiliza (por exemplo, literatura, música, novas tecnoloxías, etc).

-Elaboración dunha revista escolar: O alumnado de 1º da ESO están a  crear o seu propio xornal, investigando noticias locais, escribindo artigos, deseñando e maquetando, creando imaxes e outros elementos para incluír (pasatempos, infografías, ilustracións, etc). 

-Investigación de noticias falsas: Este curso prestaremos especial atención ao concepto de desinformación  (fake news, bulos). O noso alumnado está aprendendo a identificar noticias falsas e a verificar a información en diferentes fontes, desenvolvendo habilidades de alfabetización mediática. 





Primeiro obradoiro Education4theplanet curso 2024-2025

 Venres 25 outubro 2024. Biblioteca Castelao.  1º Obradoiro venres 25 de outubro (1º e 2º ESO).  9:45 - 10:35. Martín Mejuto (técnico Fundación Ayuda en Acción) e as responsables dos proxectos Education4theplanet (Laura Gómez Vales)









27/10/24

Día das bibliotecas: premios aos máis lectores.

Polo Día das Bibliotecas que se celebra o 24 de outubro, homenaxeamos aos lectores entregándolles uns agasallos aos rapaces e rapazas de EP e da ESO que máis libros levaron no curso 23/24. Parabéns!

Queremos dar a noraboa ás persoas que forman parte dos Clubes de Lectura do centro escolar, xa que é evidente que estas iniciativas potencian a motivación e o asentamento do hábito de ler. Exemplifican este feito os lectores homenaxeados na etapa da ESO, todos eles membros do Club de Lectura Larpacontos ESO, deste xeito convertíndose en referentes para os seus compañeiros e invertindo as estatísticas: está comprobado que na adolescencia os mozos mostran unha menor propensión á lectura en comparación coas mozas, cun maior déficit en hábitos de lectura, debido diversos factores(falta de interese polos temas de lectura, influencia da contorna familiar e social, falta de modelos, etc). Grazas a estes rapaces (Iván, Elías e Marcos) tal vez outros adolescentes se animen visitar máis a biblioteca e gozar das múltiples e variadas lecturas dispoñibles!